
O CLUB AROMON CELEBRA O SEU 35 ANIVERSARIO POR TODO O ALTO
(A 4.167m DE ALTITUDE DENDE O TOUBKAL)
Tras a obrigada cancelación da actividade programada para o pasado mes de abril debido ao “gran apagón eléctrico” que paralizou a loxística de transporte o club logrou levar acabao esta actividade a pasada semana.
Os/as 13 compoñentes do Club AROMON Pontevedra (5 mulleres e 7 homes), regresaron a Galicia tras finalizar con éxito a ascensión ao Toubkal (4.167 m), a elevación máis alta do Norte de África. A expedición, organizada para conmemorar o 35º Aniversario da entidade #AROMON35, conseguiu o obxectivo de levar a todos os seus membros á cima, a pesar de afrontar significativos contratempos.
O “apagón eléctrico”
O inicio da expedición foi marcado por un imprevisto loxístico de gran magnitude. A viaxe viuse afectada polo apagón histórico que tamén paralizou as operacións no aeroporto de Porto, o día que comezaba a primeira data da viaxe, formando parte dun fallo xeneralizado que afectou a totalidade da Península Ibérica. O equipo tivo que asumir a suspensión inicial da viaxe e realizar un traballo de xestión considerable para retomar o seu camiño meses máis tarde.
Estratexia de Ascenso e Aclimatación Técnica
Pero nesta segunda ocasión toda a loxística funcionou e, unha vez en Marrocos, a primeira noite xa estaban durmindo a 1.740m de altura para comezar o proceso fundamental de aclimatación.
Na etapa 1 (domingo 9 de novembro): a ruta de aclimatación superou o paso de Tizi Mzik (2.489m) para descender a durmir ao Refuxio de Azib Tamsoult (2.250m).
A segunda etapa (luns 10) o desnivel acumulado xa era de moita consideración +1.500m, atravesando o collado Aguelzim (3.500m) e baixando a durmir ao Refuxio do Toubkal (3.207m).
Dadas a previsión meteorolóxica que indicaba a chegada da borrasca Claudia nas vindeiras xornadas o Club decidiu adiantar a ascensión dadas as boas sensacións de aclimatación das xornadas previas polo que o 11 de novembro enfrentóuse o día de cima cun dobre cumio e descenso rápido. O equipo logrou a dobre ascensión ao Toubkal Oeste (4.037m) e despois ao Toubkal Principal (4.167m) (Fotografía posterior). Durante o descenso, pola ruta do avión, o grupo atopouse coas primeiras manifestacións do forte vento da borrasca Cláudia.
O 12 de novembro, xa coa borrasca Claudia enriba do Atlas o grupo moveuse conxuntamente cara ao Collado n´Ougane (3.700m). Un equipo reducido continuou a ascensión, aproveitando a aclimatación baixo un vento que superaba os 100 km/h, logrando os cumes do Ras (4.083m) e Timesguida (4.037m). Ao regresar á base, a borrasca desatouse por completo, traendo a gran nevada que o equipo logrou evitar na montaña.
Na xornada de descenso final (13 de novembro) pegou con moita forza a borrasca e os montañeiros espertaron no refuxio (3.207m) cunha tormenta plenamente desenvolvida, con ventos que superaban os 140 km/h e intensas nevadas. A dificultade trasladouse entón ao descenso final cara ao fondo do val, porque a neve, que caía con forza por riba dos 2.200m, convertíase en fortísimas precipitacións de auga por debaixo desa cota. Isto provocou que os camiños (polos que tiñan que baixar as mulas e os deportistas) quedasen inundados, complicando enormemente a saída do grupo e a loxística de porteadores. O equipo tivo que empregar a máxima precaución e pericia para negociar os camiños anegados e completar o descenso con seguridade, poñendo fin a unha expedición marcada pola boa integración do equipo, boa aclimatación e a superación constante das adversidades.

A expedición ao Toubkal 2025 cumpriu amplamente os seus obxectivos deportivos, alcanzando catro cumes por riba dos 4.000m. Serviu como unha digna conmemoración do 35º Aniversario do Club AROMON Pontevedra. O club destaca a eficacia da súa planificación da aclimatación para aproveitar as fiestras de tempo antes da chegada da borrasca, e a capacidade de adaptación final do equipo para superar as adversidades loxísticas (o apagón ibérico) e meteorolóxicas (os ventos extremos e as inundacións).
Podes ver máis fotos da viaxe neste enlace