Parabéns dende o club Aromon polo recoñecemento aos nosos socios Adrián Moreira, Mateo Rodríguez e Xavi Carballo como Deportistas de Alto Nivel e Promesa, da Deputación de Pontevedra.
O club AROMON Pontevedra está de celebración nestes días polo recoñecemento aos nosos socios Adrián Moreira, Mateo Rodríguez e Xavi Carballo como Deportistas de Alto Nivel e Promesa, da Deputación de Pontevedra.
Tanto Mateo Rodríguez como Xavi Carballo son membros das Escolas Deportivas de Orientación e Escalada do club, xoves promesas que confiaron a súa formación deportiva nos nosos monitores.
Mateo Rodríguez conta, entre outros, con fantásticos resultados na liga galega, na española e en campionatos escolares na categoría de M-14 e M-16 (2018) e M-16 Élite (2019), coma por exemplo:
- 1º clasificado no Campionato Ibérico de Orientación 2018 en M-16.
- 1º clasificado na categoría M-14 dos United World Games 2018.
- 2º clasificado no Campionato de España de Orientación 2019 Categoría M-16E na Distancia Longa, Media e Sprint.
- 1º clasificado no Campionato de España Escolar de Orientación 2019, na categoría Cadete de Distancia Longa, Media e Sprint.
- 3º clasificado no ranking da Liga Española de Orientación Sprint 2019, categoría M-16E.
- 1º clasificado por Equipos, e 3º clasificado en Distancia Media no Campionato do Mundo Escolar de Orientación (WSCO) 2019.
- Campión Galego de Orientación en tódalas Distancias en M-14 e M-21 nos anos 2018 e 2019.
Xavi Carballo, socio do que adoitamos presumir nas nosas crónicas polos seus resultados deportivos, forma parte do Programa de Tecnificación Deportiva de Escalada da Federación Galega de Montañismo dende o 2018 e foi convocado pola Selección Galega de Escalada na tempada 2019. Facemos resumo dos seus mellores e máis recentes resultados:
- 3° posto no Campionato de España de Escalada de Dificultade Sub14.
- 3° posto no Campionato de España de Escalada de Velocidade Sub14.
- 5° posto no Campionato de España de Escalada – Seleccións Autonómicas en Idade Escolar. Modalidade Overall.
- Campión Galego de Escalada en Bloque Sub16.
Adrián Moreira, socio do club dende o ano 2010, xa obtivera o ano pasado (2019) ser destacado coma Deportista Galego de Alto Nivel (DGAN) o que o levou ao recoñecemento actual. Este recoñecemento concedéuselle polos seus mellores logros deportivos acadados nos 3 últimos anos, entre outros:
- Campión Ibérico de Raid en 2016
- 5º clasificado na proba da Copa do Mundo “Raid Gallaecia” 2017
- Subcampión de España de Raid 2018
Non só destaca polos seus excelentes resultados na modalidade deportiva de orientación. No ano 2017, a súa vocación aventureira levouno, xunto a outros compañeiros do club, a acadar o cumio do Mont Blanc (4.810m).
Son moitas máis as aptitudes que podemos destacar de Adri Moreira dende o club: a súa sempre boa disposición na colaboración e organización en numerosos eventos deportivos do calendario do club coma a Liga Local Aromon ChemaSport, o PontevedRAID Valmiñor (2ª proba da Liga Española de Raids de Aventura 2019) e o Trail de Orientación Vila de Baiona, ou nas saídas de alpinismo polos cumios da Cordilleira Cantábrica.
Agardamos poder seguilos acompañando na súa carreira deportiva, con afouteza. Porque este Club será “o que os seus socios queiran que sexa”.