Club
O 25 de xuño de 1990 fúndase a Agrupación Deportiva A Roelo, iniciativa dun grupo de deportistas, principalmente militares destinados na cidade do Lérez e practicantes do deporte de Orientación no eido militar. Estes deciden dar un paso máis e crear un club dedicado a este deporte.
De xeito paralelo, o 8 de outubro de 1990, un pequeno grupo de amigos pontevedreses aficionados ao montañismo está reunido nos Ancares. Deciden fundar o Club Montañeiros de Pontevedra coa idea de dar cobertura na cidade a todos os que, coma eles, desfrutan coa práctica dos deportes de montaña.
Desde entón ambos clubs recorren sendas paralelas, desenvolvendo a súa actividade por toda a xeografía galega, española e internacional, competindo nas primeiras ligas galegas de orientación e en Campeonatos de España, escalando montañas de renome como o Urriello en Picos de Europa, Almanzor en Gredos, Aneto nos Pirineos, participando no campionato do mundo de orientación militar no monte da Escusa, ascendendo montañas de máis de 4.000 metros como o Cervino ou o Mont-Blanc nos Alpes, o Toubkal no Atlas Marroqí, marcando e homologando o sendeiro “Entre Rías”, invitando a amosarnos as súas aventuras a grandes aventureiros coma Juanito Oyarzabal, os irmáns Iñurrategui, Miguel Angel Gallego, Joan Quintana, Enric Masip e Silvia Vidal, Edurne Pasaban, Chus Lago e un longo etc, e que co paso do tempo e máis experiencia chegaron retos máis ambiciosos como Aconcagua nos Andes, Huascarán na Cordilleira Blanca, competicións internacionais de orientación.
Ao longo dos primeiros anos, os clubs dedicáronse á cadansúa disciplina deportiva, seguindo traxectorias diferentes: O Club Montañeiros de Pontevedra afianzábase como referencia para os aficionados aos deportes no medio natural e achegando cada vez máis a montaña á cidade de Pontevedra e a Agrupación Deportiva A Roelo dando a coñecer a orientación aos concidadáns, participando e organizando competicións de Liga Galega e, ás veces, deixando ver a algún dos seus membros nos grandes eventos da Liga Nacional.
Era inevitable que as dúas entidades coincidiran no monte, e as competición de Raid de Aventura, que combinaban a Orientación con disciplinas como a Escalada ou a BTT, foron o detonante. A partir do ano 2000 comezou a crearse un pequeno grupo de deportistas de un e do outro club que participaban xuntos nestas probas.
No ano 2005 ámbolos clubs colaboran man a man coa Asociación Galega de Clubs de orientación na organización do Campeonato de España de Orientación en Pontevedra.
Danse aí os primeiros pasos para unha fusión que se propón na Asemblea Xeral de ámbalas entidades, apróbase e faise efectiva a partir do 1 de xaneiro de 2006, data na que se comeza a funcionar como un único club co nome de Montañeiros de Pontevedra – A Roelo (AROMON).
No ano 2006, froito desa fusión, o club AROMON enfronta o seu primeiro grande reto: a organización do I Campeonato Ibérico de Raid de Aventura. Unha proba de extrema dureza atenuada pola impresionante paisaxe das Rías Baixas, que supón un grande éxito a nivel organizativo e de participación.
Desde entón a Orientación en Galicia ten evolucionado ata se converter na Comunidade Autónoma con maior número de federados de España, tendo nesta evolución un importante papel o Raid de Aventura, que conta con moitísimos aficionados derivados da Orientación a pé e BTT. A Federación Galega de Orientación traballa con ilusión para dotar o noso deporte base dunha sólida estrutura sobre a que construír un brillante futuro.
Nesta situación, no ano 2013 propuxémonos afrontar un proxecto a desenvolver durante o trienio posterior para celebrar o noso 25 aniversario, orgullosos do traballo feito polos pioneiros e coas esperanzas postas nos nosos futuros orientadores. Para celebralo creamos o proxecto CEO 2016, que consistía en organizar desde o club tres grandes eventos deportivos:
- Comezou no ano 2014 coa organización do Campionato Ibérico de Raid de Aventura (PontevedRAID)
- Continuou en 2015 co Campionato Ibérico Feminino de Orientación a Pé (PONTEaORIENTAR 2015)
- Culminou no 2016 coa organización do Campionato de España de Orientación (CEO 2016)
É na Asemblea Extraordinaria de Socios, na sesión celebrada o 2 de novembro de 2016, onde se aproban os Estatutos do club coa súa denominación actual: AROMON PONTEVEDRA MONTAÑEIROS A ROELO.
Normativa de AROMON
No seguinte enlace, pode ver e descargar unha copia dos estatutos do clube AROMON Pontevedra Montañeiros A Roelo.