Crónica polo val do Arenteiro.

13 de Decembro 2020

Aromon Montañeiros de Pontevedra

Logo de ter adiado esta saída nalgunha ocasión puidemos finalmente realizala e así despedir este ano tan atípico cunha ruta marcadamente outonal que atravesa lugares de grande valor histórico, paisaxístico e etnográfico pola marxe do río Arenteiro e o val do Avia.

O camiño, que parte do Carballiño, transita nunha primeira parte por un camiño de pescadores pola beira dereita do río Arenteiro. Logo xa teremos que continuar polo Monte das Regas e coller o desvío ata Ponterriza.

A ponte medieval que dá nome ao lugar é a entrada desta fermosa aldea onde ademais da ponte veremos hórreos e cruceiros moi ben conservados.

Seguimos a ruta entre carballeiras frondosas e arrodeados dos amarelos e ocres propios desta época do ano. Deixamos atrás a igrexa románica de San Mamede e atravesamos a aldea de Paradela.

Nesta parte do traxecto principiaremos unha longa baixada que nos levará outra vez ata o río Arenteiro.

Entre abeleiras, bidueiros e outras especies propias do bosque de ribeira vemos a ponte do Castro, tamén de orixe medieval. Neste tramo o río baixa moi encaixado e con moita forza, formando preciosos rápidos.

Continuamos o percorrido agora de subida facendo zigzags entre carballos ata Cimadevila. O camiño desvíase neste punto á esquerda e logo dun quilómetro por unha corredoira chegamos a Cabanelas.

Dende aquí divisamos o val do río Avia e a paisaxe modelada en socalcos onde se colleita o viño do Ribeiro.

Continuamos o traxecto polo chamado camiño Real durante quilómetro e medio ata atoparnos unha vez máis co río. Pola marxe dereita seguimos ata a ponte do Santo sepulcro e que unha vez atravesada nos levará á aldea de Pazos do Arenteiro; un compacto núcleo moi ben conservado, formado por un conxunto de casas populares e nobiliarias e onde o Arenteiro desemboca no Avia.

Aproveitamos para repoñer forzas e brindar con oporto polo ano que vén e porque sigamos percorrendo lugares, montañas e sendeiros, antes de principiar o camiño de volta.

Bo Nadal a tod@s e saúdos montañeir@s

COMPARTIR: