Dende o club AROMON dámosvos a benvida á derradeira proba da Liga Aromon deste ano 2023, na Illa das Esculturas.
Para esta ocasión, queremos darvos unhas pequenas explicacións para levar a cabo a proba.
Nesta ocasión, os percorridos de todas as categorías contarán cun cambio de mapa.
Deixámosvos a continuación unha breve explicación para levar a cabo a proba:
O percorrido completo das categorías Ini-curta e Ini-longa estará formado por dous mapas en tamaño A5. A primeira parte do percorrido estará impresa nunha das caras do papel e comezará coma sempre na baliza triángulo. Cando cheguedes á última baliza desta primeira parte, deberedes darlle a volta ao mapa, pois na outra cara do papel continuará a segunda parte do percorrido. A primeira baliza desta segunda parte coincidirá coa última baliza da primeira parte do percorrido (por exemplo, se rematei o primeiro mapa na baliza 11, ao facer o cambio de mapa seguirei a miña carreira dende esa baliza 11). Teredes que completar a segunda parte do percorrido ata chegar a meta, que estará coma sempre marcada cun dobre círculo.
Para a categoría avanzada, desta vez intentaremos facervos pensar un pouquiño ☺. Tamén usaremos mapas en tamaño A5 con cambio de mapa igual que as categorías de Iniciación. A primeira parte do percorrido por unha das caras do folio e a segunda polo anverso. Para engadirlle dificultade, o mapa estará dividido en ventás. Estas ventás funcionarán como “pezas de un puzzle” desordenadas, polo que deberedes “colocalas” mentalmente no seu lugar para poder completar o percorrido. Ademais, algunhas delas terán “efecto espello”, é dicir, aparecerán volteadas de xeito horizontal de forma que tamén deberedes cadralas para poder enlazar todas as balizas.
Afinade a vosa pericia!!