Alpinismo: Montañas Palentinas, Espigüete e Curavacas

Captura de pantalla 2026 03 02 235702

O pasado mes, o club organizou unha saída de alpinismo invernal ás montañas palentinas. A continuación compartimos a crónica escrita por unha das nosas socias e participantes na saída, un relato en primeira persoa no que nos fai chegar o esforzo, a ilusión e o compañeirismo vividos durante estas xornadas de alpinismo en neve.

A saída comezou cunha longa viaxe dende Pontevedra ata as montañas palentinas, co punto de mira posto no maxestoso Espigüete, cunha silueta inconfundible. Moitas horas de estrada, ilusión acumulada e ese arrecendo a aventura que sempre acompaña ás grandes fins de semana do club.

O sábado o espertador soou ás 5 da mañá. A noite fora curta, pero as ganas podían con todo. Tocaba unha aproximación longa e fermosa ata o corredor da Goulotte Norte do Espigüete. Xa dende abaixo intuíamos que as condicións eran prometedoras, pero a realidade superou as expectativas: xeo en moi bo estado e neve dura, compacta, perfecta para progresar con seguridade.

Dividimos a vía en tres longos preciosos, ben protexidos, con dous resaltes que rondaban o 70-75% de inclinación en xeo, deses que fan traballar os xemelgos e espertan os brazos. Chegamos a colocar ata seis parafusos de xeo nun mesmo longo, unha auténtica marabilla. Só lle faltarían uns poucos metros máis de corredor para darlle un dez redondo! Foi desas ascensións que deixan sorriso permanente baixo o casco.

Ao saír á aresta cumieira, o ambiente cambiou. Tocou crestear con coidado, gozando das vistas abertas da montaña palentina, e logo iniciar o descenso polo corredor norte, extremando as precaucións. A xornada rematou como ten que ser: con hamburguesas e ovos con patacas para celebrar a ascensión, entre risas, anécdotas e esa satisfacción compartida que só entende quen volve dunha boa actividade invernal.

O domingo volvemos madrugar, esta vez aínda antes: ás 4:30 xa estabamos en pé. Había que recoller e chegar cedo aocorredor sur do Curavacas, pois aínda que non presentaba dificultade técnica destacable, si existía risco de caída de cachos de xeo co avance do día.

Dividímonos en tres cordadas para aproveitar mellor a xornada. María e Borja ascenderon ao Peña María, de 1881 metros. David e Emilio quedaron na base do corredor practicando progresión e montaxe de reunións en neve e xeo, afinando técnica e reforzando coñecementos. Por outra banda, Chema e Sabela completaron a subida polo corredor sur ao Curavacas, nunha actividade rápida e eficiente antes de que as condicións mudasen.

E así, case sen decatarnos, tocou despedirse da montaña palentina e emprender o regreso. Foi unha fin de semana redonda: condicións excelentes de neve e xeo, meteoroloxía aliada e, sobre todo, un grupo humano excepcional.

Se algo quedou claro é que en Aromon xa temos equipo de corredores de neve. E isto non fixo máis que comezar!

Crónica de Sabela Córdoba

COMPARTIR: