Crónica de Manuel Beloso.
Datas: 29 e 30 abril e 1 de maio
Participantes: 4
Actividade de dificultade alta, condición física boa e coñecementos de progresión e seguranza con corda.
Sábado 29. Actividade programada: Cresta Alluitz-Anboto no Parque Natural de Urkiola, 1.331 m de altidude máxima, 12 km distancia, 1.300 m desnivel acumulado, pasos dificultade III+ e 9 h de actividade.
O día amenceu cuberto de nubes, moita humidade e terreo mollado, o cal dificulta máis a actividade ata o punto de que igual tiñamos que renunciar por seguridade, pero decidimos iniciar a aproximación, atravesando un fermoso faiedo, e ir valorando as condicións segundo avanzaba o día e as condicións. A previsión era moi galega: podería chover ou non, podería abrir ou non. Subimos ao Alluitz (1.034 m.) tras saudar a un rabaño de cabuxas que posaron coma modelos para as nosas fotos, e xa no cumio confirmamos que o día non ía mudar moito, nin mellorar, nin empeorar, polo que decidimos iniciar a Cresta que nos trouxo ata aquí, Alluitz-Anboto.
Tras equiparnos con arneses, casco, corda e material iniciamos a travesía, fermosa no percorrido pero para nosa mágoa case sen vistas (teremos que volver para ver a paisaxe completa), afrontando nesta primeira parte o tramo máis técnico que nos obriga a asegurar varios pasos e a estar atentos de non perder pé polo mollado da rocha nin á ruta por mor da mala visibilidade. En 4 horas fixemos o primeiro tramo pasando por varios cumios (Larrano, Gaintza, etc) ata descender ao Collado da Ermida de Santa Bárbara, metade da nosa Cresta localizada nunha fermosa pradería verde salpicada de rochedos. Despois dun breve descanso para repoñer forzas retomamos de novo a actividade afrontando a parte que nos quedaba, xa máis sinxela que acometemos sen necesidade de asegurar ningún paso para acadar o cumio do Anboto, desfrutando dalgún claro entre nubes que nos permitiu visualizar a Cresta e o terreo que acababamos de percorrer. Xa só quedaba baixar pola normal do Anboto atravesando de novo os fermosos bosques deste parque para ir celebrar cun pintxo e unha cervexa (clarita) a gratificante actividade que puidemos desfrutar.
Domingo 30. Tiñamos programado facer a Cresta do Txindoki, pero como a meteoroloxía non acompañaba e incluso estaba algo pior, decidimos cambiar para facer a Cresta de Palomares (https://atrochando.com/ascensiones-a-montanas/cresta-de-palomares/), 1.443 m altitude máxima, 10 km, 711 m desnivel acumulado, pasos dificultade IV+ e unhas 9 h de actividade, mais localizada ao sur para ver si o tempo por esa zona estaba mellor.
Ao chegar a Pipaón o tempo estaba mellor, cuberto pero sen chovía, pero facía algo de aire, iniciamos a subida ao Recilla (1.381 m) punto de inicio da cresta, desfrutando dos impresionantes faiedos destas terras, e no cumio confirmamos as nosas sospeitas, os refachos de vento non son a mellor opción nunha cresta, e ademais baixaba a temperatura das mans e do corpo, nunhas condicións que non sería agradables e sobre todo non seguras.
Na montaña o máis importante e difícil e saber renunciar cando non hai condicións, pero tamén o mais intelixente, polo que cambiamos o plan e cando o tempo e a natureza non quere, pois buscamos outras actividades, acabamos no Cañón do río Nervión, impresionante paisaxe para pararse a percorrer e coñecer, non sen sorprendernos pola seca que sufrimos deixando seco o leito e o salto de auga que vimos ver.