A colaboración decisiva da alcaldesa de Marín, María Ramallo, e o impulso do Club AROMON, que celebra o seu 35º aniversario, fan realidade unha espectacular zona de escalada no entorno natural da costa. O espazo contará cunha trintena de vías de escalada de todos os niveis e estará operativo antes de finais de ano, consolidándose como un novo atractivo turístico e deportivo para o Concello de Marín, e todas as Rías Baixas.
O Concello de Marín e o Club AROMON veñen de anunciar unha importante e ilusionante iniciativa conxunta que situará o municipio marinense como un punto de interese para a escalada en Galicia.
Este proxecto de gran calado naceu e medrou grazas á total colaboración e ás facilidades administrativas do Concello de Marín quen desde o primeiro momento amosou o seu compromiso coa diversificación da oferta deportiva e a posta en valor dos espazos naturais do municipio.
Froito deste traballo coordinado, estase a equipar unha nova e espectacular zona para a práctica da escalada deportiva na costa de Marín, aproveitando a singular morfoloxía dos seus cantís. A zona prevé ofrecer máis de 30 vías de escalada de diferentes graos de dificultade, deseñadas para acoller tanto a escaladores/as experimentados/as coma a aqueles que se queiran iniciar. Espérase que a área estea completamente operativa e lista para o desfrute da cidadanía antes de que finalice o presente ano 2025.

A rapidez na posta en marcha deste proxecto subliña a vontade política do Concello de Marín. A Alcaldesa María Ramallo non só deu luz verde á proposta, senón que o seu equipo facilitou todos os trámites necesarios para garantir que o equipamento realízase coa máxima urxencia e seguridade.
“Marín ten un patrimonio natural que vai máis aló das súas praias. Estes cantís de granito son un agasallo para a práctica da escalada, e a nosa obriga é poñelos en valor de xeito responsable. O compromiso do Concello foi total desde o primeiro contacto: proporcionamos todas as facilidades administrativas e loxísticas para que o equipo de AROMON puidese traballar con seguridade e axilidade, asegurando ademais que a intervención fose respectuosa co medio ambiente e estivese homologada. A colaboración co Club AROMON, cuxa longa traxectoria e experiencia son a nosa mellor garantía, asegura que esta zona será un referente de calidade e seguridade, fundamental para o éxito da iniciativa e para atraer tamén un turismo deportivo de calidade,” afirmou a rexedora marinense.
Pola súa banda, o Club AROMON, é o responsable da dirección técnica e da execución da obra, garantindo a máxima seguridade e homologación de todas as instalacións, como xa sucedera no ano 2023 na Zona de Escalada de Punta Faxilda (Sanxenxo).
O equipamento de seguridade está sendo instalado integramente polos recoñecidos especialista Alfonso Bock (Naturmontaxes) coa colaboración de Gustavo Fariña, ambos coa acreditación oficial como Técnicos en Áreas Verticais de Actividades Deportivas no Medio Natural (TAVAD) da Federación Española de Deportes de Montaña e Escalada, e de Gabriel González. A súa intervención asegura que todas as ancoraxes e sistemas de seguridade cumpran cos máis altos estándares de calidade e coa normativa vixente para áreas verticais, empregando aceiro e resinas especiais homologadas e de máxima durabilidade específicos para este deporte e para esta contorna marítima.
A nova zona de escalada foi concebida cun enfoque deportivo e formación. As vías están deseñadas para abarcar un amplo abano de niveis (dende o III grao) o que facilita enormemente a organización de cursos de iniciación e perfeccionamento (unha das grandes apostas do Club AROMON). Deste xeito, ademais de promover o deporte, búscase xerar un coñecemento e un respecto pola contorna natural na que se practica.

“Celebrar os 35 anos de historia impulsando un proxecto desta magnitude demostra o compromiso de AROMON coa escalada galega. Grazas á dilixencia e ao apoio da Alcaldía de Marín, conseguimos un espazo seguro e homologado. O noso principal obxectivo é que este novo espazo sexa un motor para a escalada base e que sirva para achegar este deporte á sociedade, de xeito regulado e seguro,” sinala Carmen Iglesias, presidenta do Club AROMON.
Cómpre destacar que a idea orixinal e a identificación do lugar de Marín como un enclave ideal para esta práctica deportiva xurdiu da exploración e a visión de 2 escaladores locais marinenses, David Gómez e Sergio Piñeiro, cuxo traballo foi o punto de partida para esta exitosa colaboración.
Impacto e compromiso de futuro: novo polo de atracción do Concello de Marín.
A apertura desta nova zona terá un impacto significativo en diversos eidos, consolidándose definitivamente como un novo e poderoso atractivo turístico e deportivo para o Concello de Marín:
- Deportivo porque Marín ofrecerá un novo lugar de adestramento e práctica para os escaladores/as marinenses, de toda Galicia, e do Norte de Portugal, desestacionalizando a oferta deportiva municipal.
- Turístico porque o enclave natural onde se sitúa, xunto á costa, converterase nun atractivo de primeiro nivel para os amantes da natureza e dos deportes de aventura que buscan experiencias seguras e reguladas.
- Económico porque a repercusión esperada en canto a visitantes axudará a xerar un impacto positivo e directo na economía local do municipio.
- Educativo porque a versatilidade das vías permitirá que a Federación, clubs, centros educativos e entidades poidan realizar actividades formativas e de lecer de xeito regulado e seguro.
A colaboración inclúe o compromiso de realizar un mantemento periódico da zona, a organización dun curso de iniciación para marinenses/as, e inclusión nas guías de escalada da maior recoñecemento.
Concello de Marín, a través da súa Alcaldesa María Ramallo, e o Club AROMON queren agradecer publicamente o esforzo e a dedicación dos técnicos e voluntariado, e animan a toda a comunidade escaladora a agardar con ilusión a súa pronta inauguración